Jenkins
Publicado por fryant on Xoves, 20 Marzo 2008
…ou de como as cousas máis insospeitadas poden provocar guerras.
Durante todo o século XVIII, as tensións entre Inglaterra e España estaban por todo o alto. O comercio americano, as perdas de Xibraltar e Menorca como resultado do Tratado de Utrecht, colisións fronterizas en América… moitas foron as escusas.
Mais, a pesar de todo isto, en 1731 pasou algo bastante chamativo, que foi a escusa final para unha declaración de guerra. Había un barco contrabandista, o Rebecca, que “comerciaba” en augas caribeñas e que estaba comandado por Robert Jenkins. Esta nave foi apresada por un barco gardacostas español, dirixido por Julio León Fandiño. Fandiño confiscoulle a carga, cortoulle unha orella a Jenkins, e lle dixo: “Vai e dille ao teu rei que lle farei o mesmo se se atreve.”
O incidente pasou desapercibido até 1738, ano no que Inglaterra procuraba por un casus belli contra España, xa que quería dominar todo o comercio no Atlántico e no Caribe. Entón, Jenkins foi chamado á moi inglesa Camara dos Comúns, onde contou a súa historia, e para demostrala, amosou ante os presentes a orella cortada. Iso serviu como pretexto para comezar unha guerra, que a partires dese momento e para toda a eternidade sería coñecida como a Guerra da Orella de Jenkins.
Esta guerra durou até 1748, e tras batallas en todo o Caribe, Filipinas, Florida e na Xeorxia americana, destacando entre todas o sitio inglés de Cartaxena de Indias, onde o que até o momento era unha vitoria inglesa tornouse nunha derrota total ao final da guerra (que se encadeou coa Guerra de Sucesión de Austria, de aí que fora tan longa). Esta vitoria permitiu a España recuperar certas prerrogatorias que os británicos tiñan sobre o comercio coas colonias americanas e o control marítimo do Atlántico durante uns 70 anos máis, até a Batalla de Trafalgar.