Curiosidades da Historia

Sí, outro blog de historia.

Arquivo de Maio, 2008

Heroes

Publicado por fryant on Mércores, 14 Maio 2008

…ou de como a persoa que evitou a que puido ser a máis grande matanza da Historia é un completo descoñecido.

Ao longo de toda a Guerra Fría, hai varios exemplos de como as decisións dunha soa persoa evitaron unha guerra nuclear entre as dúas grandes superpotencias. Persoas que en momentos de tensión non dubidaron en manter o sangue frío e non deixarse levar polas emocións, analisando os datos que lles chegaban de xeito correcto sen que a enorme responsabilidade lles afectara. Quizáis, a situación de ataque nuclear máis cercana, directa e realista á que se tivo que enfrentar alguén foi a que viviu Stanislav Petrov o 26 de setembro de 1983, o que algunha xente chama o “Incidente do Equinoccio de Outono”.

Na miña opinión, a Crise dos misís de Cuba queda en cueiros se o comparamos con esta, mais porén, e moito menos coñecida. E digo que queda en cueiros xa non sobre todo por o incidente en sí mesmo, senón polo clima entre as dúas potencias, que nese ano era case prebélico por diferentes motivos: en 1981 a URSS iniciaba a Operación RYAN, unha misión de intelixencia destinada a recoller datos sobre un para eles probábel ataque nuclear sorpresa dos EEUU; en marzo Ronald Reagan -que chegaba ao cargo de Presidente, entre outras cousas, pola súa combatividade contra os soviéticos- anunciaba a Iniciativa de Defensa Estratéxica, máis coñecido como a Guerra das Galaxias; en abril o embaixador da URSS en Australia era botado do país por intentar reclutar espías dentro do Goberno; en xuño Cork Graham, un corresponsal de guerra estadounidense en Vietnam, era encadeado tamén por espionaxe para a CIA; e, sobre todo, porque poucos días antes do que imos relatar agora, un avión de pasaxeiros, o voó 007 de Korean Airlines procedente de Nova Iorque, era derribado en augas internacionais por un par de Su-15 soviéticos. Xa falarei máis adiante deste suceso, porque tamén é bastante interesante, mais agora voltemos ao caso de Petrov.

Preto da medianoite dese día, o Coronel Petrov cumpría co seu deber como oficial en xefe do bunker Serpukhov-15, sito nun bosque a uns 60km de Moscú, onde aínda hoxe se atopa a o mando da defensa e control do espazo aéreo ruso. Nese momento, os satélites OKO de alerta temperá, avisaban da detección dun misíl nuclear estadounidense dirixíndose á Nai Patria. O noso protagonista analisou os datos que recibía dos satélites, e descartou a ameaza pensando nun fallo informático, motivado en parte porque un dos plans lóxicos de estratexia nuclear marcan que o primeiro golpe ten que ser directamente con todo o arsenal para evitar a resposta coas mesmas armas. Mais esa fórmula o ten unha debilidade clara: a outra potencia lanzará todo tamén antes de que as bombas do contrario impacten. De feito, o procedemento LOW (launch on warning) calcula uns dez minutos de marxe desde que se detecta o ataque até que o país agredido lanza as bombas.

Mais co que non contaba Petrov, era que uns segundos logo de razoar todo isto, as computadoras comezaban a marcar catro estelas máis, e esta vez os identificaba claramente como ICBM’s do tipo LGM-30 Minuteman. Unha vez máis, descartou a alerta, dandoa como falsa alarma. Posibelmente, outra persoa nas súas circunstancias e coa paranoia soviética no momento, activaría todo o sistema de defensa civil, e avisaría aos altos cargos para que comezaran a represalia. Porén, el chamou ao seu xefe, que á súa vez avisou ao Ministro de Defensa Ustinov, quen aceptou a teoría de Petrov.

O por qué da alerta

Os satélites OKO están situados na chamada Órbita de Molniya, denominada dese xeito porque era a que utilizaban os satélites soviéticos de comunicación do mesmo nome. Esta órbita ten unha diferencia sobre a que utilizaban os estadounidenses: en troques de rastrexar a Terra enteira, rastrexa só o seu borde. En teoría, esta órbita permitía reducir as falsas alarmas producidas por fenómenos naturáis, como os raios de sol reflectidos a través de nubes ou neve.

Porén, o día sinalado, e ironicamente, ocurriu o que non tiña que ocorrer: o Sol, o satélite e as bases de misís norteamericanas aliñáronse dun xeito estraño, sendo a primeira vez que sucedía desde a instalación deste sistema o ano anterior. Isto causou a confusión dos raios de sol coa estela dos proxectís saltando así as alarmas dos satélites.

Que pasou con Petrov?

Pois nada bó, basicamente. Ao alto mando soviético non lle gustou que desobedecera á máquina e mandara á merda todo o procedemento estabelecido, mais non o castigou por evitar unha guerra nuclear. Aínda así, consideráronno alguén no que non se podía confiar para dirixir a defensa aeroespacial e foi relevado e enviado a un cargo menos importante. Finalmente, prexibilouse, e agora é un pensionista máis cuns ingresos duns mil dólares ao mes.

Aínda así, a súa xesta foi recoñecida pola ONU en xuño de 2006, dándolle unha homenaxe na súa sede de Nova Iorque, e a Association of World Citizens deulle dúas veces o seu World Citizen Award.

A versión rusa

Rusia sempre negou esta versión dos feitos. Nun comunicado (PDF) que publicou a súa misión permanente nas Nacións Unidas con motivo da recepción ofrecida en 2006, dicía que a Unión Soviética endexamáis daría luz verde a unha represalia nuclear cando só un dos satélites dera a alarma. Alén diso, din que a información dos satélites non só se reparte a unha base, e polo tanto, varios expertos deberían confirmar ou desmentir un posíbel ataque, e non só unha persoa. E para rematar, afirman que non só teñen aos satélites como alerta, sería imposíbel dar a orde de contragolpe sen confirmación do servicio de espionaxe e de radares.

Sexa como for, o criterio de Petrov puido evitar algo bastante maior. Quizáis non directamente unha guerra nuclear, pero sí unha escalada aínda máis grande na paranoia soviética.

Publicado en Guerra Fría, Século XX, URSS | Etiquetado: , , , , , | Deixa un comentario »

Usa Linux

Publicado por fryant on Xoves, 1 Maio 2008

…ou por que Windows é unha merda.

Todos sabemos que os estadounidenses son moi patrióticos e chauvinistas. Para eles, o que son e o que fan é o mellor do mundo, por suposto. Aínda que teñan que defender a un sistema operativo cunha demostrada incapacidade xa non para manter a seguranza dun computador, senón xa só para facer correctamente certas operacións: Microsoft Windows.

En xullo de 1996, a compañía de Bill Gates lanzou ao mercado o Windows NT 4.0 (só para que o saibades, o XP é o NT 5.0 e o Vista é o NT 6.0). Precisamente nese mes, o Goberno dos Estados Unidos comezaba o programa Smart Ship (Barco Intelixente), que consistía en dotar a uns cantos barquiños deses 27 procesadores Pentium Pro a 200MHz, conectados por fibra óptica e coordinados por outro procesador igual nun servidor central, e xestionados cun NT 4.0 do trinque. Segundo Wired, que á súa vez cita fontes da US Navy, pretendíase “mellorar a preparación para combate, reducir a carga de traballo da tripulación e os costes dela, e facelo de xeito seguro”. A mesma reportaxe cita as razóns polas que o NT foi escollido antes que un sistema operativo baseado en Unix. Oficialmente, porque “estaba especificado na guia de traballo como sistema operativo das estacións de traballo en cuestión”. Extraoficialmente, por motivos políticos, baixo a escusa de que “tiña unha interface gráfica máis accesíbel ao usuario”.

Mais claro, o sentido común dicta que antes de facer unha cousa a grande escala, hai que probala antes, así que utilizaron o USS Yorktown de rata de laboratorio. Xa falarei outro día máis a fondo deste cruceiro da clase Ticonderoga (que mítico, non?), porque ten outro episodio bastante sorprendente no que un barco de guerra soviético colisiona contra el.

USS Yorktown. Foto de Wikimedia Commons.

USS Yorktown, foto de Wikimedia Commons.

Todo semellaba ir ben nos primeiros momentos das probas. Maís chegou o fatídico día: o 21 de setembro de 1997, preto de Cape Charles, na costa de Virxinia; un membro da tripulación do Yorktown trabucábase e introducía un cero nun campo dunha base de datos, provocando dese xeito unha división entre cero. Agás ser o dividendo outro cero, provocando así unha indeterminación, o resultado diso é infinito; e os ordenadores sempre tiveron moitos problemas para traballar con ese número. Sucedeu que este non foi capaz, o buffer se sobrecargou e o sistema de propulsión escangallou.

Pasaron preto de tres horas sen poderen arranxalo, experimentando o que o argot técnico da Marina dos EEUU chama “dead in the water”, morto no auga. Hai versións contradictorias sobre como se arranxou: por un lado disque tiveron de remolcalo á base naval de Norfolk, e por outro disque se arranxou no propio barco. E todo por non pór unha fiestriña que dixera “Non poñas un cero, cero: caca.” Por suposto, Microsoft negou que o problema fóra polo seu sistema operativo, e botoulle a culpa ao código dos programas que tiveran instalados.

Ao final non foi nada, e após unha fin de semana o barco partía cara o Caribe ao unha misión contra o narcotráfico, mentres que o programa Smart Ship seguía adiante. Había asinados outros catro barcos no programa, e unha posíbel ampliación con 22 máis. A verdade, non sei cantos foron equipados con esta tecnoloxía, pero vista a pouca información que atopei del, non creo que moitos máis.

Publicado en Estados Unidos, Século XX | Etiquetado: , , , , , , | Deixa un comentario »