Usa Linux
Publicado por fryant on Xoves, 1 Maio 2008
…ou por que Windows é unha merda.
Todos sabemos que os estadounidenses son moi patrióticos e chauvinistas. Para eles, o que son e o que fan é o mellor do mundo, por suposto. Aínda que teñan que defender a un sistema operativo cunha demostrada incapacidade xa non para manter a seguranza dun computador, senón xa só para facer correctamente certas operacións: Microsoft Windows.
En xullo de 1996, a compañía de Bill Gates lanzou ao mercado o Windows NT 4.0 (só para que o saibades, o XP é o NT 5.0 e o Vista é o NT 6.0). Precisamente nese mes, o Goberno dos Estados Unidos comezaba o programa Smart Ship (Barco Intelixente), que consistía en dotar a uns cantos barquiños deses 27 procesadores Pentium Pro a 200MHz, conectados por fibra óptica e coordinados por outro procesador igual nun servidor central, e xestionados cun NT 4.0 do trinque. Segundo Wired, que á súa vez cita fontes da US Navy, pretendíase “mellorar a preparación para combate, reducir a carga de traballo da tripulación e os costes dela, e facelo de xeito seguro”. A mesma reportaxe cita as razóns polas que o NT foi escollido antes que un sistema operativo baseado en Unix. Oficialmente, porque “estaba especificado na guia de traballo como sistema operativo das estacións de traballo en cuestión”. Extraoficialmente, por motivos políticos, baixo a escusa de que “tiña unha interface gráfica máis accesíbel ao usuario”.
Mais claro, o sentido común dicta que antes de facer unha cousa a grande escala, hai que probala antes, así que utilizaron o USS Yorktown de rata de laboratorio. Xa falarei outro día máis a fondo deste cruceiro da clase Ticonderoga (que mítico, non?), porque ten outro episodio bastante sorprendente no que un barco de guerra soviético colisiona contra el.
USS Yorktown, foto de Wikimedia Commons.
Todo semellaba ir ben nos primeiros momentos das probas. Maís chegou o fatídico día: o 21 de setembro de 1997, preto de Cape Charles, na costa de Virxinia; un membro da tripulación do Yorktown trabucábase e introducía un cero nun campo dunha base de datos, provocando dese xeito unha división entre cero. Agás ser o dividendo outro cero, provocando así unha indeterminación, o resultado diso é infinito; e os ordenadores sempre tiveron moitos problemas para traballar con ese número. Sucedeu que este non foi capaz, o buffer se sobrecargou e o sistema de propulsión escangallou.
Pasaron preto de tres horas sen poderen arranxalo, experimentando o que o argot técnico da Marina dos EEUU chama “dead in the water”, morto no auga. Hai versións contradictorias sobre como se arranxou: por un lado disque tiveron de remolcalo á base naval de Norfolk, e por outro disque se arranxou no propio barco. E todo por non pór unha fiestriña que dixera “Non poñas un cero, cero: caca.” Por suposto, Microsoft negou que o problema fóra polo seu sistema operativo, e botoulle a culpa ao código dos programas que tiveran instalados.
Ao final non foi nada, e após unha fin de semana o barco partía cara o Caribe ao unha misión contra o narcotráfico, mentres que o programa Smart Ship seguía adiante. Había asinados outros catro barcos no programa, e unha posíbel ampliación con 22 máis. A verdade, non sei cantos foron equipados con esta tecnoloxía, pero vista a pouca información que atopei del, non creo que moitos máis.
