Curiosidades da Historia

Sí, outro blog de historia.

Archive for the ‘Guerras’ Category

Curiosidades por guerras.

Heroes

Publicado por fryant on Mércores, 14 Maio 2008

…ou de como a persoa que evitou a que puido ser a máis grande matanza da Historia é un completo descoñecido.

Ao longo de toda a Guerra Fría, hai varios exemplos de como as decisións dunha soa persoa evitaron unha guerra nuclear entre as dúas grandes superpotencias. Persoas que en momentos de tensión non dubidaron en manter o sangue frío e non deixarse levar polas emocións, analisando os datos que lles chegaban de xeito correcto sen que a enorme responsabilidade lles afectara. Quizáis, a situación de ataque nuclear máis cercana, directa e realista á que se tivo que enfrentar alguén foi a que viviu Stanislav Petrov o 26 de setembro de 1983, o que algunha xente chama o “Incidente do Equinoccio de Outono”.

Na miña opinión, a Crise dos misís de Cuba queda en cueiros se o comparamos con esta, mais porén, e moito menos coñecida. E digo que queda en cueiros xa non sobre todo por o incidente en sí mesmo, senón polo clima entre as dúas potencias, que nese ano era case prebélico por diferentes motivos: en 1981 a URSS iniciaba a Operación RYAN, unha misión de intelixencia destinada a recoller datos sobre un para eles probábel ataque nuclear sorpresa dos EEUU; en marzo Ronald Reagan -que chegaba ao cargo de Presidente, entre outras cousas, pola súa combatividade contra os soviéticos- anunciaba a Iniciativa de Defensa Estratéxica, máis coñecido como a Guerra das Galaxias; en abril o embaixador da URSS en Australia era botado do país por intentar reclutar espías dentro do Goberno; en xuño Cork Graham, un corresponsal de guerra estadounidense en Vietnam, era encadeado tamén por espionaxe para a CIA; e, sobre todo, porque poucos días antes do que imos relatar agora, un avión de pasaxeiros, o voó 007 de Korean Airlines procedente de Nova Iorque, era derribado en augas internacionais por un par de Su-15 soviéticos. Xa falarei máis adiante deste suceso, porque tamén é bastante interesante, mais agora voltemos ao caso de Petrov.

Preto da medianoite dese día, o Coronel Petrov cumpría co seu deber como oficial en xefe do bunker Serpukhov-15, sito nun bosque a uns 60km de Moscú, onde aínda hoxe se atopa a o mando da defensa e control do espazo aéreo ruso. Nese momento, os satélites OKO de alerta temperá, avisaban da detección dun misíl nuclear estadounidense dirixíndose á Nai Patria. O noso protagonista analisou os datos que recibía dos satélites, e descartou a ameaza pensando nun fallo informático, motivado en parte porque un dos plans lóxicos de estratexia nuclear marcan que o primeiro golpe ten que ser directamente con todo o arsenal para evitar a resposta coas mesmas armas. Mais esa fórmula o ten unha debilidade clara: a outra potencia lanzará todo tamén antes de que as bombas do contrario impacten. De feito, o procedemento LOW (launch on warning) calcula uns dez minutos de marxe desde que se detecta o ataque até que o país agredido lanza as bombas.

Mais co que non contaba Petrov, era que uns segundos logo de razoar todo isto, as computadoras comezaban a marcar catro estelas máis, e esta vez os identificaba claramente como ICBM’s do tipo LGM-30 Minuteman. Unha vez máis, descartou a alerta, dandoa como falsa alarma. Posibelmente, outra persoa nas súas circunstancias e coa paranoia soviética no momento, activaría todo o sistema de defensa civil, e avisaría aos altos cargos para que comezaran a represalia. Porén, el chamou ao seu xefe, que á súa vez avisou ao Ministro de Defensa Ustinov, quen aceptou a teoría de Petrov.

O por qué da alerta

Os satélites OKO están situados na chamada Órbita de Molniya, denominada dese xeito porque era a que utilizaban os satélites soviéticos de comunicación do mesmo nome. Esta órbita ten unha diferencia sobre a que utilizaban os estadounidenses: en troques de rastrexar a Terra enteira, rastrexa só o seu borde. En teoría, esta órbita permitía reducir as falsas alarmas producidas por fenómenos naturáis, como os raios de sol reflectidos a través de nubes ou neve.

Porén, o día sinalado, e ironicamente, ocurriu o que non tiña que ocorrer: o Sol, o satélite e as bases de misís norteamericanas aliñáronse dun xeito estraño, sendo a primeira vez que sucedía desde a instalación deste sistema o ano anterior. Isto causou a confusión dos raios de sol coa estela dos proxectís saltando así as alarmas dos satélites.

Que pasou con Petrov?

Pois nada bó, basicamente. Ao alto mando soviético non lle gustou que desobedecera á máquina e mandara á merda todo o procedemento estabelecido, mais non o castigou por evitar unha guerra nuclear. Aínda así, consideráronno alguén no que non se podía confiar para dirixir a defensa aeroespacial e foi relevado e enviado a un cargo menos importante. Finalmente, prexibilouse, e agora é un pensionista máis cuns ingresos duns mil dólares ao mes.

Aínda así, a súa xesta foi recoñecida pola ONU en xuño de 2006, dándolle unha homenaxe na súa sede de Nova Iorque, e a Association of World Citizens deulle dúas veces o seu World Citizen Award.

A versión rusa

Rusia sempre negou esta versión dos feitos. Nun comunicado (PDF) que publicou a súa misión permanente nas Nacións Unidas con motivo da recepción ofrecida en 2006, dicía que a Unión Soviética endexamáis daría luz verde a unha represalia nuclear cando só un dos satélites dera a alarma. Alén diso, din que a información dos satélites non só se reparte a unha base, e polo tanto, varios expertos deberían confirmar ou desmentir un posíbel ataque, e non só unha persoa. E para rematar, afirman que non só teñen aos satélites como alerta, sería imposíbel dar a orde de contragolpe sen confirmación do servicio de espionaxe e de radares.

Sexa como for, o criterio de Petrov puido evitar algo bastante maior. Quizáis non directamente unha guerra nuclear, pero sí unha escalada aínda máis grande na paranoia soviética.

Publicado en Guerra Fría, Século XX, URSS | Etiquetado: , , , , , | Deixa un comentario »

Grândola, vila morena

Publicado por fryant on Venres, 25 Abril 2008

…ou de como as revolucións, por moi rápidas e pacíficas que sexan, sempre traen sangue.

Normalmente, cando un escoita o termo “Revolución dos caraveis” pensa nunha revolución rápida, tranquila e pacífica. Unha revolución na que os militares a favor da democracia conseguiron unha vitoria fulgurante. Hoxe, día 25 de abril, conmemórase o aniversario desa vitoria, que trouxo un aroma de liberdade para o noso país veciño, co que compartimos moitos aspectos culturáis.

Mais hai unha serie de mitos que rodean ao golpe de estado democrático que nunca son ben aclarados. O primeiro é ese. Técnicamente, o sucedido en Lisboa tal día como hoxe fai 34 anos non foi unha revolución, senon unha insurrección militar. Cal é a diferenza? Pois básicamente, que até logo de soar na Rádio Renascença (emisora católica, salvando as distancias, o que vendría a ser a COPE aquí) o Grandola, vila morena de Zeca Afonso, que por certo, a cantou por primeira vez nun concerto en Santiago de Compostela; non houbo un movimento popular que estivera públicamente a favor da democracia, non houbo nin grandes manifestacións nin grandes disturbios precedentes ao golpe. Iso por un lado.

Polo outro, temos o mito de que na Revolución dos Caraveis non se derramou unha pinga de sangue. Falso, realmente houbo catro mortos, todos eles civís. Concordo con que afortunadamente, foron poucas as baixas para unha acción destas características, mais dicir que non houbo ningunha é falsear a realidade.

Como morreron estas catro persoas?

A iso das 8 da tarde do día 25, o derradeiro instrumento dicatorial que restaba por caer era a policía política, a tristemente famosa PIDE (Polícia Internacional e de Defesa do Estado), que daquela xa mudara o seu nome polo de DGS (Direcção Geral de Segurança). Media hora antes, o até entón Primer Ministro Marcello Caetano xa lle entregara o poder ao MFA (Movimento das Forças Armadas) representado polo Xeneral Spínola. A xente concentrábase perante o cuartel lisboeta da Direcçao, que estaba sita na Rúa António Maria Cardoso, pedindo o final da organización e a entrega dos responsábeis aos revolucionarios.

A tensión, os gritos e as protestas aumentaban pouco a pouco, até chegar ao tráxico final: Uns axentes situados no tellado abriron lume contra os manifestantes, todos civís, matando a catro persoas e ferindo a 45 máis.

O final da inútil resistencia da DGS non chegaría até o día seguinte, após unha conversación telefónica entre o propio Spínola e o director da policía política, Silva Pais. A partir dese momento, deu comezo o proceso de desmantelación do organo de represión, e Portugal non voltaría a ter un servicio de intelixencia até 1984 coa entrada en funcionamento do SIRP (Sistema de Informações da República Portuguesa).

Publicado en Portugal, Revolucións, Século XX | Etiquetado: , , , , , , | Deixa un comentario »

Guerras estrañas

Publicado por fryant on Luns, 24 Marzo 2008

…ou de cando as alianzas forzan aos países a invadir a outros países que nunca pensariades.

Normalmente, unha zona que procura a independencia ten dúas vías para acadala: a política e a militar. Desgraciadamente, a segunda opción é á que máis veces se recurriu ao longo da Historia. E África non é unha excepción a isto: tras a época colonial, moitos dos países que agora forman a configuración actual do chamado Continente Negro liberáronse a través de guerras de guerrillas contra o poder metropolitano, como o caso de Angola. Porén, hai un país que tivo que loitar contra outro país africano para liberarse. Falamos de Namibia, que tras formar parte das colonias alemás até a Primeira Guerra Mundial, foi un mandato da Sociedade de Nacións baixo administración sudafricana, para pasar a ser provincia de facto cando se desfixo este organismo supranacional. E as independencias destos dous países están íntimamente relacionadas. Vexamos por qué:

En 1966, en Namibia (que daquela aínda era coñecida como África do Suroeste) fartáronse da situación que Sudáfrica estaba a lles impór no auxe máximo da política do Apartheid. Nese momento, o SWAPO (Organización Popular do Sudoeste Africano), comeza unha guerra de guerrillas con incursións desde Zambia. Pouco a pouco as escaramuzas medraban en número e duración, polo que a comezos dos 70 o Exército Sudafricano viuse obrigado a intervir relevando á policía e escalando dese xeito o conflicto. Porén, o espacio fronteirizo entre Zambia e o que agora é Namibia, era pequeno e fácilmente bloqueábel, polo que era imprescindíbel atopar outras localizacións para entrar ao país.

En 1975, Angola acada a súa independencia rematando así a guerra que mantiña con Portugal pola súa liberación nacional, guerra que viña loitando desde 1961. Porén, o clima bélico non remata nese país, e comeza inmediatamente unha guerra civil entre o MPLA (Movimento Popular de Libertaçao de Angola), que toma as riendas do Goberno angolano; e a UNITA (União Nacional para a Independência Total de Angola) e o FNLA (Frente Nacional de Libertação de Angola). Os primeiros, ante a reticiencia inicial da URSS (que non tardaría moito en se esvaecer), procuraron apoios entre outros países comunistas, como Iugoslavia ou Cuba, mentres que os segundos recibiron apoios de EEUU e polo tanto de casi todo o bloque occidental. O que nun comezo semellaban escaramuzas illadas remataron por se transformar nunha das guerras máis duradeiras de África, un verdadeiro pulso entre comunistas e capitalistas en plena Guerra Fría.

Logo de pouco tempo, aínda no mesmo ano, suceden dúas cousas: a primeira e que o SWAPO, vendo a situación, comeza a axudar ao MPLA para así poder facer incursións a territorio namibio desde máis puntos; e a segunda, os dirixentes sudafricanos, vendo a situación no que nese momento era o seu país veciño, deciden invadir Angola para levar fóra do seu territorio a guerra, sendo as operación máis importantes as levadas a cabo nos anos 1980 e 1981.

 

En pouco tempo, a UNITA co apoio da máquina bélica do país do Apartheid non atopou trabas para avanzar por un país totalmente asolado polo esforzo de liberación nacional, e chegou a Luanda, capital angoleña, ocupando a mitade do territorio da ex-colonia portuguesa. Mais nese momento, as forzas na balanza mudaron cando arribaron a porto catro barcos do Exército Cubano con soldados e tanques. Esta é unha das poucas veces que un bloque, alén do apoio loxístico, intervén militarmente de xeito directo nun conflicto. Nese momento, EEUU se acollonou e decidiu retirar o seu apoio a Sudáfrica. Os motivos desto dan para unha entrada a parte, que algún día aparecerá por aquí.

A partir dese instante, os combatentes desta guerra pasaron a ser Cuba, o SWAPO e o MPLA vs. UNITA e Sudáfrica. En 1986, xa eran 37000 os soldados do país caribeño loitando en Angola, agás nun breve período de tempo no que foron a defender Etiopía nunha guerra contra Somalia. Chegaron a máis de 50000 nos derradeiros compases do conflicto. E o que era peor, a ONU comezaba a apoiar aos rebeldes, chegando a aprobar unha resolución pola que instaba a Sudáfrica a retirarse de Namibia. Perante a negativa, comezou un embargo, entre outras cousas, de armas.

Ese embargo foi clave. Deu comezo ao cambio de roles na batalla pola superioridade aérea, que pasou a mans cubanas cando Fidel Castro decidiu mandar aos MIG-23 da súa forza aérea, que se engadían aos MIG-21 xa presentes alí. Eses cazas eran superiores aos Mirage F1A que tiñan o Exército Sudafricano, e coa imposibilidade de modernizalos por mor do embargo, fixo que estes comezaran a sufrir perdas cada vez maiores. Pouco a pouco, Cuba, que nese momento xa levaba o peso táctico da contienda, conseguiu botar aos soldados sudafricanos ao seu territorio. Foi nesta etapa cando tivo lugar a Batalla de Cuito Cuanavale, a máis importante da guerra.

Nese momento, a dúbida asaltaba a todos. Se pararía alí Cuba ou invadiría Namibia, aínda territorio sudafricano? A resposta vén o 27 de xullo de 1988, cando os MIG-23 comezan a bombardear posicións do SADF (o Exército de Sudáfrica) no seu propio territorio. Após unha semana, os tanques cubanos de fabricación soviética penetraban en Namibia. Efectivamente, fai 20 anos sucedeu algo impensábel agora mesmo: Cuba invadiu Sudáfrica.

Ese suceso, acarón da presión internacional para lle pór fin ao conflicto, dalle o derradeiro empurrón a Sudáfrica para apostar pola vía pacífica como resolución final. En diciembre dese ano, se asina o Acordo Trilateral de Nova Iorque, polo que o país sudafricano acataba a resolución da ONU aprobada uns anos antes, e o 21 de xaneiro de 1990 Namibia proclamaba a súa independencia, rematando así unha guerra que durou máis de 20 anos, e que pasaría a ser coñecida como Guerra da Fronteira de Sudáfrica. Porén, a Guerra Civil angoleña non se resolvería até o ano 2002 coa morte en combate de Jonás Savimbi, lider de UNITA, dando paso a un período democrático bastante inestábel.

 

 

 

 

Publicado en Angola, Cuba, Guerra da fronteira de Sudáfrica, Namibia, Sudáfrica, Século XX | 1 Comentario »

Jenkins

Publicado por fryant on Xoves, 20 Marzo 2008

…ou de como as cousas máis insospeitadas poden provocar guerras.

Durante todo o século XVIII, as tensións entre Inglaterra e España estaban por todo o alto. O comercio americano, as perdas de Xibraltar e Menorca como resultado do Tratado de Utrecht, colisións fronterizas en América… moitas foron as escusas.

Mais, a pesar de todo isto, en 1731 pasou algo bastante chamativo, que foi a escusa final para unha declaración de guerra. Había un barco contrabandista, o Rebecca, que “comerciaba” en augas caribeñas e que estaba comandado por Robert Jenkins. Esta nave foi apresada por un barco gardacostas español, dirixido por Julio León Fandiño. Fandiño confiscoulle a carga, cortoulle unha orella a Jenkins, e lle dixo: “Vai e dille ao teu rei que lle farei o mesmo se se atreve.”

O incidente pasou desapercibido até 1738, ano no que Inglaterra procuraba por un casus belli contra España, xa que quería dominar todo o comercio no Atlántico e no Caribe. Entón, Jenkins foi chamado á moi inglesa Camara dos Comúns, onde contou a súa historia, e para demostrala, amosou ante os presentes a orella cortada. Iso serviu como pretexto para comezar unha guerra, que a partires dese momento e para toda a eternidade sería coñecida como a Guerra da Orella de Jenkins.

Esta guerra durou até 1748, e tras batallas en todo o Caribe, Filipinas, Florida e na Xeorxia americana, destacando entre todas o sitio inglés de Cartaxena de Indias, onde o que até o momento era unha vitoria inglesa tornouse nunha derrota total ao final da guerra (que se encadeou coa Guerra de Sucesión de Austria, de aí que fora tan longa). Esta vitoria permitiu a España recuperar certas prerrogatorias que os británicos tiñan sobre o comercio coas colonias americanas e o control marítimo do Atlántico durante uns 70 anos máis, até a Batalla de Trafalgar.

Publicado en España, Guerra da orella de Jenkins, Inglaterra, Século XVIII | Deixa un comentario »

O pez grande come ao cativo

Publicado por fryant on Xoves, 20 Marzo 2008

…ou de como Finlandia lle meteu unha pana horríbel á URSS na Segunda Guerra Mundial.

Imaxinade unha batalla na que 1000000 de homes armados con máis de 6500 tanques e 3500 avións de combate se enfrontan a 250000 homes, con 30 tanques e 130 avións. Cal credes que sería o resultado normal? Situádevos agora en 1939. Stalin no poder, se inventa un casus belli cando di que uns fineses dispararon contra posicións soviéticas na fronteira ruso-finesa. E manda, após catro días, ao Exército Vermello a conquistar o país, tal e como fixera antes con Estonia, Letonia e Lituania.

Resultado? A URSS sae escaldada. Entre mortos, feridos e capturados, teñen 400000 baixas, e unha terceira parte dos tanques perdidos. Mentres, Finlandia ten 30000 baixas. Aínda así, para non continuar coa guerra, o país nórdico cedeu un 10% do seu territorio. Tras cinco meses, a Guerra de Inverno remata cunha humillación incríbel para os soviéticos. Pero aí non finaliza o tema.

Após un ano, a URSS téntao de novo. Outro millón e medio de homes contra medio millón de soldados fineses con axuda alemá. E voltan a ser humillados: nos tres anos que durou a Guerra de Continuación, Finlandia tivo unhas 210000 baixas. A URSS 850000. Nesa guerra, Finlandia, con axuda nazi, até se atreveu a invadir a Unión Soviética. Mais no armisticio, non puido recuperar as terras que perdera uns anos antes.

Asi que xa sabedes: coidadiño con Finlandia.

Publicado en Finlandia, Segunda Guerra Mundial, Século XX, URSS | Deixa un comentario »