Curiosidades da Historia

Sí, outro blog de historia.

Archive for the ‘Guerra da fronteira de Sudáfrica’ Category

Curiosidades sucedidas durante a Guerra de independencia de Namibia.

Guerras estrañas

Publicado por fryant on Luns, 24 Marzo 2008

…ou de cando as alianzas forzan aos países a invadir a outros países que nunca pensariades.

Normalmente, unha zona que procura a independencia ten dúas vías para acadala: a política e a militar. Desgraciadamente, a segunda opción é á que máis veces se recurriu ao longo da Historia. E África non é unha excepción a isto: tras a época colonial, moitos dos países que agora forman a configuración actual do chamado Continente Negro liberáronse a través de guerras de guerrillas contra o poder metropolitano, como o caso de Angola. Porén, hai un país que tivo que loitar contra outro país africano para liberarse. Falamos de Namibia, que tras formar parte das colonias alemás até a Primeira Guerra Mundial, foi un mandato da Sociedade de Nacións baixo administración sudafricana, para pasar a ser provincia de facto cando se desfixo este organismo supranacional. E as independencias destos dous países están íntimamente relacionadas. Vexamos por qué:

En 1966, en Namibia (que daquela aínda era coñecida como África do Suroeste) fartáronse da situación que Sudáfrica estaba a lles impór no auxe máximo da política do Apartheid. Nese momento, o SWAPO (Organización Popular do Sudoeste Africano), comeza unha guerra de guerrillas con incursións desde Zambia. Pouco a pouco as escaramuzas medraban en número e duración, polo que a comezos dos 70 o Exército Sudafricano viuse obrigado a intervir relevando á policía e escalando dese xeito o conflicto. Porén, o espacio fronteirizo entre Zambia e o que agora é Namibia, era pequeno e fácilmente bloqueábel, polo que era imprescindíbel atopar outras localizacións para entrar ao país.

En 1975, Angola acada a súa independencia rematando así a guerra que mantiña con Portugal pola súa liberación nacional, guerra que viña loitando desde 1961. Porén, o clima bélico non remata nese país, e comeza inmediatamente unha guerra civil entre o MPLA (Movimento Popular de Libertaçao de Angola), que toma as riendas do Goberno angolano; e a UNITA (União Nacional para a Independência Total de Angola) e o FNLA (Frente Nacional de Libertação de Angola). Os primeiros, ante a reticiencia inicial da URSS (que non tardaría moito en se esvaecer), procuraron apoios entre outros países comunistas, como Iugoslavia ou Cuba, mentres que os segundos recibiron apoios de EEUU e polo tanto de casi todo o bloque occidental. O que nun comezo semellaban escaramuzas illadas remataron por se transformar nunha das guerras máis duradeiras de África, un verdadeiro pulso entre comunistas e capitalistas en plena Guerra Fría.

Logo de pouco tempo, aínda no mesmo ano, suceden dúas cousas: a primeira e que o SWAPO, vendo a situación, comeza a axudar ao MPLA para así poder facer incursións a territorio namibio desde máis puntos; e a segunda, os dirixentes sudafricanos, vendo a situación no que nese momento era o seu país veciño, deciden invadir Angola para levar fóra do seu territorio a guerra, sendo as operación máis importantes as levadas a cabo nos anos 1980 e 1981.

 

En pouco tempo, a UNITA co apoio da máquina bélica do país do Apartheid non atopou trabas para avanzar por un país totalmente asolado polo esforzo de liberación nacional, e chegou a Luanda, capital angoleña, ocupando a mitade do territorio da ex-colonia portuguesa. Mais nese momento, as forzas na balanza mudaron cando arribaron a porto catro barcos do Exército Cubano con soldados e tanques. Esta é unha das poucas veces que un bloque, alén do apoio loxístico, intervén militarmente de xeito directo nun conflicto. Nese momento, EEUU se acollonou e decidiu retirar o seu apoio a Sudáfrica. Os motivos desto dan para unha entrada a parte, que algún día aparecerá por aquí.

A partir dese instante, os combatentes desta guerra pasaron a ser Cuba, o SWAPO e o MPLA vs. UNITA e Sudáfrica. En 1986, xa eran 37000 os soldados do país caribeño loitando en Angola, agás nun breve período de tempo no que foron a defender Etiopía nunha guerra contra Somalia. Chegaron a máis de 50000 nos derradeiros compases do conflicto. E o que era peor, a ONU comezaba a apoiar aos rebeldes, chegando a aprobar unha resolución pola que instaba a Sudáfrica a retirarse de Namibia. Perante a negativa, comezou un embargo, entre outras cousas, de armas.

Ese embargo foi clave. Deu comezo ao cambio de roles na batalla pola superioridade aérea, que pasou a mans cubanas cando Fidel Castro decidiu mandar aos MIG-23 da súa forza aérea, que se engadían aos MIG-21 xa presentes alí. Eses cazas eran superiores aos Mirage F1A que tiñan o Exército Sudafricano, e coa imposibilidade de modernizalos por mor do embargo, fixo que estes comezaran a sufrir perdas cada vez maiores. Pouco a pouco, Cuba, que nese momento xa levaba o peso táctico da contienda, conseguiu botar aos soldados sudafricanos ao seu territorio. Foi nesta etapa cando tivo lugar a Batalla de Cuito Cuanavale, a máis importante da guerra.

Nese momento, a dúbida asaltaba a todos. Se pararía alí Cuba ou invadiría Namibia, aínda territorio sudafricano? A resposta vén o 27 de xullo de 1988, cando os MIG-23 comezan a bombardear posicións do SADF (o Exército de Sudáfrica) no seu propio territorio. Após unha semana, os tanques cubanos de fabricación soviética penetraban en Namibia. Efectivamente, fai 20 anos sucedeu algo impensábel agora mesmo: Cuba invadiu Sudáfrica.

Ese suceso, acarón da presión internacional para lle pór fin ao conflicto, dalle o derradeiro empurrón a Sudáfrica para apostar pola vía pacífica como resolución final. En diciembre dese ano, se asina o Acordo Trilateral de Nova Iorque, polo que o país sudafricano acataba a resolución da ONU aprobada uns anos antes, e o 21 de xaneiro de 1990 Namibia proclamaba a súa independencia, rematando así unha guerra que durou máis de 20 anos, e que pasaría a ser coñecida como Guerra da Fronteira de Sudáfrica. Porén, a Guerra Civil angoleña non se resolvería até o ano 2002 coa morte en combate de Jonás Savimbi, lider de UNITA, dando paso a un período democrático bastante inestábel.

 

 

 

 

Publicado en Angola, Cuba, Guerra da fronteira de Sudáfrica, Namibia, Sudáfrica, Século XX | 1 Comentario »