Curiosidades da Historia

Sí, outro blog de historia.

Archive for the ‘España’ Category

Curiosidades de España.

Jenkins

Publicado por fryant on Xoves, 20 Marzo 2008

…ou de como as cousas máis insospeitadas poden provocar guerras.

Durante todo o século XVIII, as tensións entre Inglaterra e España estaban por todo o alto. O comercio americano, as perdas de Xibraltar e Menorca como resultado do Tratado de Utrecht, colisións fronterizas en América… moitas foron as escusas.

Mais, a pesar de todo isto, en 1731 pasou algo bastante chamativo, que foi a escusa final para unha declaración de guerra. Había un barco contrabandista, o Rebecca, que “comerciaba” en augas caribeñas e que estaba comandado por Robert Jenkins. Esta nave foi apresada por un barco gardacostas español, dirixido por Julio León Fandiño. Fandiño confiscoulle a carga, cortoulle unha orella a Jenkins, e lle dixo: “Vai e dille ao teu rei que lle farei o mesmo se se atreve.”

O incidente pasou desapercibido até 1738, ano no que Inglaterra procuraba por un casus belli contra España, xa que quería dominar todo o comercio no Atlántico e no Caribe. Entón, Jenkins foi chamado á moi inglesa Camara dos Comúns, onde contou a súa historia, e para demostrala, amosou ante os presentes a orella cortada. Iso serviu como pretexto para comezar unha guerra, que a partires dese momento e para toda a eternidade sería coñecida como a Guerra da Orella de Jenkins.

Esta guerra durou até 1748, e tras batallas en todo o Caribe, Filipinas, Florida e na Xeorxia americana, destacando entre todas o sitio inglés de Cartaxena de Indias, onde o que até o momento era unha vitoria inglesa tornouse nunha derrota total ao final da guerra (que se encadeou coa Guerra de Sucesión de Austria, de aí que fora tan longa). Esta vitoria permitiu a España recuperar certas prerrogatorias que os británicos tiñan sobre o comercio coas colonias americanas e o control marítimo do Atlántico durante uns 70 anos máis, até a Batalla de Trafalgar.

Publicado en España, Guerra da orella de Jenkins, Inglaterra, Século XVIII | Deixa un comentario »

Strauss e Perl

Publicado por fryant on Xoves, 20 Marzo 2008

…ou de como dous timadores conseguiron tumbar un Goberno democrático.

Seguramente, algúns coñeceredes xa a verba “estraperlo” e a súa orixe, e tamén a historia que vou contar deseguido. Mais é tan curiosa que non podo deixar de poñela aquí.

En 1933, chegaron á España Republicana -daquela gobernada por Alejandro Lerroux, do Partido Radical Republicano- dous tipos chamados Strauss e Perlowitz, cun dos seus inventos baixo o brazo. En que consistía? Pois para eles, era un xogo de habilidade coa vista e de velcidade de cálculo, chamado Stra-Perl. A realidade? Unha ruleta eléctrica trucada, na que premendo un botón a banca podía gañar inmediatamente.

Ao pouco de chegaren estes dous timadores, conseguiron reunirse con Aurelio Lerroux, fillo adoptivo de Alejandro. Os contactos deste permitíronlles coñecer a altos cargos do Goberno de entón, o que unido a uns cantos cartos e uns cantos reloxos de ouro, levou á instalación dunha destas ruletas no casino da cidade de Donosti. Mais, daquela, os xogos de azar estaban prohibidos, e a policía tardou só unhas horas en clausuralo. Porén, Strauss e Perlowitz non se renderon, e instalaron outro en Formentera, nas Baleares. O resultado foi o mesmo, precintado ás horas. A pesar de todos os sobornos, non foron quen de legalizar o seu xogo.

E claro, Strauss se cabreou. Así que lle pediu a Alejandro Lerroux unha “indemnización”, algo ao que o político no poder se negou. E Strauss vingouse: mandoulle a Niceto Alcalá-Zamora -daquela Presidente da República- un completo dossier no que se relataban todas as entrevistas, as persoas implicadas, os sobornos realizados… todo. Alcalá-Zamora inmediatamente abriu unha investigación ao mando de Joaquín Chapapietra, Presidente da Gobernación. As conclusións remataron por chegar ás Cortes.

Nese momento, o escándalo xa saíra á luz; e co país conmocionado, as esquerdas -na oposición- lideradas por Azaña, aproveitaron o momento para atacar. Resultado? Dimisión de todos os implicados, incluído Alejandro Lerroux. Finalmente, todo isto levou a que o PRR se desfixera, eliminando prácticamente o centro político do panorama, e potenciando deste xeito as estremas esquerda e dereita. Todos sabemos xa como acabou o tema.

Publicado en España, Século XX | Deixa un comentario »