Curiosidades da Historia

Sí, outro blog de historia.

Archive for the ‘URSS’ Category

Heroes

Publicado por fryant on Mércores, 14 Maio 2008

…ou de como a persoa que evitou a que puido ser a máis grande matanza da Historia é un completo descoñecido.

Ao longo de toda a Guerra Fría, hai varios exemplos de como as decisións dunha soa persoa evitaron unha guerra nuclear entre as dúas grandes superpotencias. Persoas que en momentos de tensión non dubidaron en manter o sangue frío e non deixarse levar polas emocións, analisando os datos que lles chegaban de xeito correcto sen que a enorme responsabilidade lles afectara. Quizáis, a situación de ataque nuclear máis cercana, directa e realista á que se tivo que enfrentar alguén foi a que viviu Stanislav Petrov o 26 de setembro de 1983, o que algunha xente chama o “Incidente do Equinoccio de Outono”.

Na miña opinión, a Crise dos misís de Cuba queda en cueiros se o comparamos con esta, mais porén, e moito menos coñecida. E digo que queda en cueiros xa non sobre todo por o incidente en sí mesmo, senón polo clima entre as dúas potencias, que nese ano era case prebélico por diferentes motivos: en 1981 a URSS iniciaba a Operación RYAN, unha misión de intelixencia destinada a recoller datos sobre un para eles probábel ataque nuclear sorpresa dos EEUU; en marzo Ronald Reagan -que chegaba ao cargo de Presidente, entre outras cousas, pola súa combatividade contra os soviéticos- anunciaba a Iniciativa de Defensa Estratéxica, máis coñecido como a Guerra das Galaxias; en abril o embaixador da URSS en Australia era botado do país por intentar reclutar espías dentro do Goberno; en xuño Cork Graham, un corresponsal de guerra estadounidense en Vietnam, era encadeado tamén por espionaxe para a CIA; e, sobre todo, porque poucos días antes do que imos relatar agora, un avión de pasaxeiros, o voó 007 de Korean Airlines procedente de Nova Iorque, era derribado en augas internacionais por un par de Su-15 soviéticos. Xa falarei máis adiante deste suceso, porque tamén é bastante interesante, mais agora voltemos ao caso de Petrov.

Preto da medianoite dese día, o Coronel Petrov cumpría co seu deber como oficial en xefe do bunker Serpukhov-15, sito nun bosque a uns 60km de Moscú, onde aínda hoxe se atopa a o mando da defensa e control do espazo aéreo ruso. Nese momento, os satélites OKO de alerta temperá, avisaban da detección dun misíl nuclear estadounidense dirixíndose á Nai Patria. O noso protagonista analisou os datos que recibía dos satélites, e descartou a ameaza pensando nun fallo informático, motivado en parte porque un dos plans lóxicos de estratexia nuclear marcan que o primeiro golpe ten que ser directamente con todo o arsenal para evitar a resposta coas mesmas armas. Mais esa fórmula o ten unha debilidade clara: a outra potencia lanzará todo tamén antes de que as bombas do contrario impacten. De feito, o procedemento LOW (launch on warning) calcula uns dez minutos de marxe desde que se detecta o ataque até que o país agredido lanza as bombas.

Mais co que non contaba Petrov, era que uns segundos logo de razoar todo isto, as computadoras comezaban a marcar catro estelas máis, e esta vez os identificaba claramente como ICBM’s do tipo LGM-30 Minuteman. Unha vez máis, descartou a alerta, dandoa como falsa alarma. Posibelmente, outra persoa nas súas circunstancias e coa paranoia soviética no momento, activaría todo o sistema de defensa civil, e avisaría aos altos cargos para que comezaran a represalia. Porén, el chamou ao seu xefe, que á súa vez avisou ao Ministro de Defensa Ustinov, quen aceptou a teoría de Petrov.

O por qué da alerta

Os satélites OKO están situados na chamada Órbita de Molniya, denominada dese xeito porque era a que utilizaban os satélites soviéticos de comunicación do mesmo nome. Esta órbita ten unha diferencia sobre a que utilizaban os estadounidenses: en troques de rastrexar a Terra enteira, rastrexa só o seu borde. En teoría, esta órbita permitía reducir as falsas alarmas producidas por fenómenos naturáis, como os raios de sol reflectidos a través de nubes ou neve.

Porén, o día sinalado, e ironicamente, ocurriu o que non tiña que ocorrer: o Sol, o satélite e as bases de misís norteamericanas aliñáronse dun xeito estraño, sendo a primeira vez que sucedía desde a instalación deste sistema o ano anterior. Isto causou a confusión dos raios de sol coa estela dos proxectís saltando así as alarmas dos satélites.

Que pasou con Petrov?

Pois nada bó, basicamente. Ao alto mando soviético non lle gustou que desobedecera á máquina e mandara á merda todo o procedemento estabelecido, mais non o castigou por evitar unha guerra nuclear. Aínda así, consideráronno alguén no que non se podía confiar para dirixir a defensa aeroespacial e foi relevado e enviado a un cargo menos importante. Finalmente, prexibilouse, e agora é un pensionista máis cuns ingresos duns mil dólares ao mes.

Aínda así, a súa xesta foi recoñecida pola ONU en xuño de 2006, dándolle unha homenaxe na súa sede de Nova Iorque, e a Association of World Citizens deulle dúas veces o seu World Citizen Award.

A versión rusa

Rusia sempre negou esta versión dos feitos. Nun comunicado (PDF) que publicou a súa misión permanente nas Nacións Unidas con motivo da recepción ofrecida en 2006, dicía que a Unión Soviética endexamáis daría luz verde a unha represalia nuclear cando só un dos satélites dera a alarma. Alén diso, din que a información dos satélites non só se reparte a unha base, e polo tanto, varios expertos deberían confirmar ou desmentir un posíbel ataque, e non só unha persoa. E para rematar, afirman que non só teñen aos satélites como alerta, sería imposíbel dar a orde de contragolpe sen confirmación do servicio de espionaxe e de radares.

Sexa como for, o criterio de Petrov puido evitar algo bastante maior. Quizáis non directamente unha guerra nuclear, pero sí unha escalada aínda máis grande na paranoia soviética.

Publicado en Guerra Fría, Século XX, URSS | Etiquetado: , , , , , | Deixa un comentario »

Khalkhin Gol: a batalla descoñecida

Publicado por fryant on Martes, 15 Abril 2008

…ou de por que os xaponeses e os rusos non entraron en guerra até o final.

A batalla da que estamos a piques de falar foi unha das máis decisivas da Historia, mais porén é das menos coñecidas da Segunda Guerra Mundial.

Situémonos a finais de maio de 1939. A guerra en Europa está a piques de estoupar, Austria levaba xa uns anos anexionada ao Reich mediante o Anchsluss e Checoslovaquia estaba xa ocupada. Mais Polonia non será invadida até setembro. Mais en Asia a historia era ben diferente: Xapón, China e a URSS mais os seus estados tí­tere levaban un tempo xa a guerrear por motivos de todo tipo, entre os que destacan a interferencia soviética na Guerra Civil Chinesa, e a invasión xaponesa en China. Como podedes ver non eran bos tempos para o paí­s da Gran Muralla…

Precisamente centrémonos agora xusto nos comezos desa invasión, con Corea e Manchuria xa ocupadas. Neste derradeiro territorio, Xapón decidiu instaurar un novo estado tí­tere, que será coñecido como Manchukuo. O problema viño no momento no que habí­a que fixar as fronteiras, xa que Xapón dicí­a que a fronteira do novo paí­s internábase 16 quilómetros nun territorio tamén reclamado por Mongolia, daquela estado tí­tere da URSS. As tensións foron en aumento, e se chegou incluso a un enfrontamento armado en 1938 coñecido como a Batalla do Lago Khasan. Mais o problema verdadeiramente estoupou o 11 de maio de 1939.

Ese día, un pequeno continxente de soldados de cabalaría mongois entraron no territorio disputado entre as dous potencias, mais non tardaron en ser desaloxados pola cabalaría xaponesa estacionada en Manchukuo. Logo de dous, as tropas expulsadas voltaron en maior número, e esta vez os xaponeses non puideron mandalos alén do río Kholkhin, fronteira pretendida polos nipones. Até ese momento semellaba unha escaramuza sen importancia, mais os xaponeses, feridos no seu orgullo, mandaron a dos reximentos do Exército de terra que intentou expulsar aos mongois, obxectivo de novo inacadado, e por primeira vez, con perdas humanas.

Mais a cousa non quedaba aí. Tras un aproximadamente un mes de calma, a 2ª División Aérea xaponesa bombardeu as posicións soviéticas, inflinxindo unha grande cantidide de perdas en unidades aéreas ás tropas do Exército Vermello. Ese bombardeo se fixo ás costas dos xenerais do Exército Imperial, mais xa era demasiado tarde: Stalin ordenoulle a un xeneral en ascenso, unha promesa castrense que seguramente vos soará, que preparara o contraataque. Ese xeneral era Georgy Zhukov, que logo desto comandaría ás tropas soviéticas á vitoria ante a Alemaña Nazi.

Zhukov chegou á zona do río Khalkhin en xuño, e inmediatamente comezou a planear a batalla. Mais os xaponeses adiantáronse, e o 1 de xullo os soldados capitaneados polo xeneral Komatsubara lanzáronse a un ataque na que comezaron gañando mais remataron perdendo. A pesar de conseguir expulsar aos rusos alén do río, o avance se estancou e Zhukov conseguiu contratacar e retornar á situación anterior ao ataque.

En Agosto, a iniciativa mudaba de bando. Até mediados dese mes, a fronte ficaba inmóbil, mais o xeneral soviético fartouse, e coas súas forzas a punto, compostas por uns 60000 soldados, 498 tanques e cazas, ordeou o ataque definitivo contra as forzas xaponesas, que contaban con outros 60000 soldados. A estratexia de Zhukov foi vital para a vitoria. Mandou á infantería polo medio, reservándose os tanques para rodear o inimigo e embolsalo, cortando así as súas liñas de subministros. Como curiosidadade dentro da curiosidade, houbo un capitán xaponés que en canto se percatou da situación, sacou a súa espada e atacou con ela as tanques rusos, que remataron por destruír ao Exército Imperial por orde de Zhukov cando se negaron a rendirse.

Por qué foi importante?

A importancia desta batalla radica en tres cousas.

A primeira é que unha das primeiras batallas na que os tanques, a infantería motorizada e os camións de subministros toman tanta importancia, e as técnicas empregadas aquí se viron ampliadas e melloradas logo de pouco tempo na Blitzkrieg alemá.

A segunda é que esta derrota xaponesa, a súa primeira desde que comezaran a expandirse por Asia, cortou completamente as intencións imperiais na zona, facendolles enfocarse máis no Pacífico. Probabelmente, se houberan gañado aquí, o ataque a Pearl Harbor non se houbera feito, retrasando dese xeito a entrada dos Estados Unidos na conflagración mundial.

E para rematar, a terceira é que grazas a esta vitoria, a URSS non tivo un segundo fronte no que loitar, véndose así divididas as súas forzas. Cos xaponeses acollonados e controlados en Oriente, o Exército Vermello poido concentrarse en Europa. Se houberan perdido, e tendo que dividir as súas tropas, posibelmente non houberan aturado a invasión nazi.

Publicado en Manchukuo, Mongolia, Segunda Guerra Mundial, Século XX, URSS, Xapón | Etiquetado: , , , , , , , | Deixa un comentario »